jueves, 18 de febrero de 2016

REUNIÓN DO CLUB DE LECTURA - O CABALIÑO DE BUXO


 Durante dúas xornadas xuntámonos 5º, 6º e Susi para falar da nosa lectura sobre o libro de Xosé Neira Vilas "O cabaliño de buxo".
E de que falamos nestas reunións?
Pois o primeiro que comentamos foi o que nos sorprendeu o galego no que está escrito. Había moitísimas palabras que non coñeciamos, e algunhas que non entendiamos. Isto é debido á edición da obra: publicada por primeira vez no ano 1971, desde entón o galego cambiou moito, e xa hai moitas palabras que non se din ou escriben da mesma maneira: reló, pulpo, igoal, pra, abó, erba, hastra, irmao, mao, etc. Reflexionamos sobre a importancia das normas comúns para que a mensaxe chegue a todas as persoas. 
A través da súa lectura, coñecemos a un cativo que agora tería preto de 50 anos e vive nun entorno rural coma o noso. Claro que as cousas cambiaron moito.
O libro contén dez capítulos dos que comentamos o que máis nos chamou a atención:

"O cabaliño de buxo"
Falamos desta árbore, do uso que se lle dá á súa madeira.

"Romaría"
Comparamos a romaría da que fala Ruliño coas que se celebran agora.

"Augardente"
Hai moitas zonas en Galicia nas que se elabora esta bebida obtida da destilación do bagazo.

Incluso vimos un vídeo sobre o laborioso proceso de elaboración: https://youtu.be/qX6Xucs1g3Q
 
"A carta"
Agora xa non recibimos cartas coma neses anos, xa que as novas tecnoloxías foron deixando na sombra este medio de comunicación.

"O reló"
Ruliño queda "apampado" mirando o funcionamento deste instrumento cotiá. E nós? Falamos das cousas que nos deixan aparvadas/os a cada unha/un de nós.

"O retrato"
A evolución da fotografía tamén foi moi grande.

"O niño de rula"
Comentamos o pouco coñecemento que temos das aves que viven no noso contorno. Das que máis sabemos é da pega, da cegoña, da anduriña...

"O circo"
Resaltamos a importancia do circo nun pobo no que non había ofertas para o ocio como hai agora. O circo tamén sufriu unha grande transformación: agora, os espectáculos son moi chamativos, con moitos efectos especiais, animais, etc. Daquela, malabaristas e pallasos eran os seus compoñentes.

"Un meniño"
O irmán de Ruliño naceu na casa. Agora, excepto casos excepcionais, as nais van dar a luz nos hospitais.
"Na escola"
A utilización do silabario, de xoguetes coma o aro de ferro, etc. A Ruliño extráñalle que o mestre non fale coma nós. Comentamos que ocorrería se o galego estivera prohibido na actualidade.



Desfrutamos moito destas dúas xuntanzas, comparando as nosas vidas coa de Ruliño.