jueves, 24 de marzo de 2022

O XENIO DA CIDADE DO SAL

Bos días!!!

A última novela de Fina C.
Hoxe anúnciovos cal será o próximo libro que leremos no club de lectura: O xenio da Cidade do Sal, de
Fina Casalderrey.

Neste caso trátase dunha novidade editorial, xa que hai pouquiño tempo que foi publicada, pero foi elixida a raíz dunha anécdota que sucedeu nunha clase na que unha alumna de 6º, Mai, buscando información sobre as estrelas, descubriu que hai unha teoría que di que Santiago de Compostela significa campo de estrelas. Falando do significado doutras cidades, apareceu a Cidade do Sal, pero en 5º e 6º non sabiades cal era esa cidade, así que por que non descubrilo a través desta novela que, ademais, ten un sorpresa auditiva moi interesante?

Imos alá entón con esta nova lectura, e para falar da primeira parte da mesma, reunirémonos na biblioteca o próximo 6 de abril. Non faltedes!!!

Apertas,

Rosiña

miércoles, 23 de marzo de 2022

SEGUNDA REUNIÓN DESDE UNHA ESTRELA DISTANTE

OLA!!!

Xa rematamos a primeira novela deste curso, e a verdade é que esta mañá, na reunión, comprobamos que fora unha selección moi axeitada. Gustounos moito, recomendámola sen ningunha dúbida, e ademais aprendemos un montón de cousas a través da súa lectura.

Na reunión de hoxe centrámonos en Cuba, o país ao que emigrara o avó da protagonista. Falamos dunha árbore propia de Centroamérica e América do Sur: o mamey. Descubrimos que pode chegar a medir 20 metros, que o seu froito é comestible, e tamén se emprega para preparar doces ou refrescos. A súa madeira é moi dura, e emprégase para postes, construción, carpintaría... Desta madeira estaba feito o baúl que atopa Daniela no desván da casa da súa avoa. A folla desta árbore é moi parecida á do magnolio, e tamén a súa flor, aínda que é moito máis pequena. 

A folla e a flor do mamey recordan ás do magnolio.

 
O froito do mamey é moi diferente por fóra e por dentro.

Tamén falamos dos símbolos dalgunhas cidades, países, etc. A tía da protagonista casara un home de Dinamarca, e na súa capital atópase a estatua da sereíña que todas coñeciamos, así como o conto de Hans Christian Andersen. Pero tamén descubrimos cousas moi interesantes que nons sabiamos: que a realizou Edvard Eriksen, que está feita de bronce, mide 1,25 metros e pesa 175 quilos!!! Inaugurouse en 1913 e no Parque Europa de Torrejón de Ardoz, en Madrid, hai unha réplica dela.

A estatua da sereíña inspirou a moitos artistas.
 

Para rematar falamos das algas que se mencionan na novela e propuxemos escribir no noso caderno do club en que nos gustaría transformarnos se tiveramos o poder, coma Edu, para facelo. Pero isto decidimos que o mantiñamos en segredo, así que non podemos compartilo...

Apertas,

Rosiña


miércoles, 9 de marzo de 2022

PRIMEIRA REUNIÓN DESDE UNHA ESTRELA DISTANTE

Bos días!!!

Hoxe tivemos a primeira reunión do club de lectura, na que falamos sobre unha boa parte da novela de Agustín Fernández Paz Desde unha estrela distante

Comentamos o que nos ía parecendo a historia, que nos ten moi enganchadas. 

Falamos de Daniela, a protagonista, e do lugar no que vive: Mondoñedo. Esta localidade da provincia de Lugo destaca moito pola súa catedral e por ser o lugar de nacemento dun dos escritores galegos máis valorados: Álvaro Cunqueiro.

 

A catedral de Mondoñedo e a estatua de Álvaro Cunqueiro.
 

Tamén falamos dos mapas das cidades, centrándonos nos de Lugo e Vigo, xa que son as mencionadas no libro que estamos lendo. 

O plano da cidade de Lugo recoñécese pola súa muralla.

Vigo, a cidade á que vai vivir Daniela, ten mar.

E, como o avó do protagonista emigrara a Cuba, tamén comentamos o tema da emigración, tan presente ao longo da historia.

A próxima cita será o 23 de marzo, cando comentaremos o resto da novela.

Desfrutade da lectura,

Rosiña