Mostrando entradas con la etiqueta agustín fernández paz. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta agustín fernández paz. Mostrar todas las entradas

miércoles, 23 de marzo de 2022

SEGUNDA REUNIÓN DESDE UNHA ESTRELA DISTANTE

OLA!!!

Xa rematamos a primeira novela deste curso, e a verdade é que esta mañá, na reunión, comprobamos que fora unha selección moi axeitada. Gustounos moito, recomendámola sen ningunha dúbida, e ademais aprendemos un montón de cousas a través da súa lectura.

Na reunión de hoxe centrámonos en Cuba, o país ao que emigrara o avó da protagonista. Falamos dunha árbore propia de Centroamérica e América do Sur: o mamey. Descubrimos que pode chegar a medir 20 metros, que o seu froito é comestible, e tamén se emprega para preparar doces ou refrescos. A súa madeira é moi dura, e emprégase para postes, construción, carpintaría... Desta madeira estaba feito o baúl que atopa Daniela no desván da casa da súa avoa. A folla desta árbore é moi parecida á do magnolio, e tamén a súa flor, aínda que é moito máis pequena. 

A folla e a flor do mamey recordan ás do magnolio.

 
O froito do mamey é moi diferente por fóra e por dentro.

Tamén falamos dos símbolos dalgunhas cidades, países, etc. A tía da protagonista casara un home de Dinamarca, e na súa capital atópase a estatua da sereíña que todas coñeciamos, así como o conto de Hans Christian Andersen. Pero tamén descubrimos cousas moi interesantes que nons sabiamos: que a realizou Edvard Eriksen, que está feita de bronce, mide 1,25 metros e pesa 175 quilos!!! Inaugurouse en 1913 e no Parque Europa de Torrejón de Ardoz, en Madrid, hai unha réplica dela.

A estatua da sereíña inspirou a moitos artistas.
 

Para rematar falamos das algas que se mencionan na novela e propuxemos escribir no noso caderno do club en que nos gustaría transformarnos se tiveramos o poder, coma Edu, para facelo. Pero isto decidimos que o mantiñamos en segredo, así que non podemos compartilo...

Apertas,

Rosiña


miércoles, 9 de marzo de 2022

PRIMEIRA REUNIÓN DESDE UNHA ESTRELA DISTANTE

Bos días!!!

Hoxe tivemos a primeira reunión do club de lectura, na que falamos sobre unha boa parte da novela de Agustín Fernández Paz Desde unha estrela distante

Comentamos o que nos ía parecendo a historia, que nos ten moi enganchadas. 

Falamos de Daniela, a protagonista, e do lugar no que vive: Mondoñedo. Esta localidade da provincia de Lugo destaca moito pola súa catedral e por ser o lugar de nacemento dun dos escritores galegos máis valorados: Álvaro Cunqueiro.

 

A catedral de Mondoñedo e a estatua de Álvaro Cunqueiro.
 

Tamén falamos dos mapas das cidades, centrándonos nos de Lugo e Vigo, xa que son as mencionadas no libro que estamos lendo. 

O plano da cidade de Lugo recoñécese pola súa muralla.

Vigo, a cidade á que vai vivir Daniela, ten mar.

E, como o avó do protagonista emigrara a Cuba, tamén comentamos o tema da emigración, tan presente ao longo da historia.

A próxima cita será o 23 de marzo, cando comentaremos o resto da novela.

Desfrutade da lectura,

Rosiña 

miércoles, 16 de febrero de 2022

RETOMAMOS O CLUB DE LECTURA

OLA!!!

Estou moi contenta de anunciarvos que este curso retomamos a actividade do Club de lectura Os xurelos lectores!!! Desde que se creou o club, no ano 2011, foron moitos os cursos nos que estivo activo, aínda que de maneiras moi diferentes, dependendo dos grupos que nel participaban. Cando chegou a pandemia decidimos suspendelo e, o curso pasado retomámolo pero dentro das aulas, polo que tampouco lle demos moita visibilidade a través deste blog. Pero este curso anúnciovos que si: o club está preparado para comezar...

O primeiro libro deste curso.
E faino cunha obra dun escritor moi querido por todas nós, persoas moi lectoras ás que lles encanta frecuentar a biblioteca: AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ. A obra elixida é Desde unha estrela distante, xa que tamén está relacionada co proxecto que estamos levando a cabo este curso sobre o universo, xa que un dos seus protagonistas é Edu, un extraterrestre!


 

Hoxe fixemos o reparto dos libros para comezar a mergullarnos nesta nova lectura, que iremos contando en próximas entradas neste blog. Vémonos o próximo 9 de marzo!!!

Apertas, 

Rosiña

lunes, 11 de abril de 2011

O AUTOR: AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ

Agustín Fernández Paz naceu en Vilalba (Lugo) en 1947. É diplomado en enxeñería industrial mecánica e licendiado en Ciencias da Educación. Traballou como mestre de E.X.B. en diferentes centros de Galicia e máis recentemente como profesor de Lingua e Literatura Galen no I.E.S. Os Rosais 2 de Vigo ata a súa prexubilación no 2008, ano no que gañou o PREMIO NACIONAL DE LITERATURA INFANTIL E XUVENIL pola obra O único que queda é o amor , outorgado polo Ministerio de Cultura de España..
Como mestre e pedagogo, é autor de numerosos traballos sobre a normalización lingüística no ensino, a didáctica da lingua, a promoción da lectura, a literatura infantil ou a introdución dos medios de comunicación nas aulas. Ademais, entre 1988 e 1990 traballou para a Consellería de Educación como asesor para a reforma educativa e preparando deseños curriculares tanto de primaria como de secundaria, na área de lingua. De 1990 a 1995 traballou como Coordinador Docente de Galego. Dese traballo quedaron tamén numerosos libros de texto, como o pioneiro O noso galego, dos primeiros anos oitenta.
Tamén é membro do grupo de traballo sobre lingua do Consello da Cultura Galega e asesor do Programa SOL, da Fundación Germán Sánchez Ruipérez.
Agustín Fernández Paz é un dos nomes clave da literatura infantil e xuvenil galega, non só polo amplo número de obras publicadas, senón polo seu éxito cos lectores, pola cantidade das súas obras que foron traducidas, en especial ao castelán, ao catalán, ao éusquera e ao portugués pero tamén ao asturiano, ao francés, ao árabe e ao coreano, e polos premios acadados, tanto de ámbito galego como internacional, entre os que se atopa o Merlín, Lazarillo, o Rañolas ou o Raíña Lupa. Algunhas obras súas tamén foron seleccionadas para a Lista de Honra de IBBY. Foi nomeado Socio de honra da Asociación de Escritores en Lingua Galega en 2009.
Ademais, realizou un longo labor editorial para Edicións Xerais, coordinando durante moitos anos a colección "Merlín" de literatura infantil e xuvenil.
Aquí tedes a portada de algunhas das súas obras.

Se queres saber máis sobre Agustín e a súa obra pincha aquí.