miércoles, 20 de abril de 2022

SEGUNDA REUNIÓN DA CIDADE DO SAL

Ola, rapaces e rapazas!!!

Hoxe xuntámonos para falar do libro de Fina Casalderrey que rematamos de ler: O xenio da Cidade do Sal. De novo estivo centrado na figura de Mozart, o compositor no que se centran as aventuras tan ben narradas por unha das escritoras máis lidas entre a xuventude galega. Gustounos moito, e recomendámolo sen dúbida. Ademais, este libro ten o engadido de vir cun CD de música moi interesante, no que un cuarteto da Filharmonía de Galicia gravou varios cuartetos para corda de Mozart uníndoos a temas populares galegos. Titúlase Mozart á galega e a proposta foi de Luís Soto, frautista da Filharmonía e un bo coñecido noso, xa que tivemos a sorte de que nos visitara no cole cando adicamos o proxecto documental á música. Despois volveu nalgunha ocasión e, quen sabe, ao mellor tamén nos visita para facer unha actividade final do club...

Premede sobre a imaxe para coñecer o disco Mozart á galega.
 

Tamén vos fixemos un díptico sobre Mozart, para que poidades coñecer moito máis este gran compositor, e se queredes velo a través da Internet só tedes que premer aquí.

A verdade é que desfrutamos moito desta obra, coa que remata tamén a actividade do club deste curso. Espero que nos vexamos na vindeira convocatoria todas as persoas que seguides no cole, e ás que marchades para o instituto, non deixedes nunca de ler!!! 

Unha aperta,

Rosiña

miércoles, 6 de abril de 2022

PRIMEIRA REUNIÓN DA CIDADE DO SAL

Ola!!!

Pois xa sabemos cal é a Cidade do Sal!!! E xa coñecemos un pouquiño a historia do xenio Wolfgang Amadeus Mozart, xa que el é o protagonista desta novela de Fina Casalderrey.

Sen embargo, na reunión de hoxe falamos moito da súa irmá, Nannerl, xa que hai un momento no que exclama: "Pronto terei que lle dicir adeus á miña música!" E é que as nenas e as mulleres non o tiveron nada fácil ao longo da historia. No club de lectura somos conscientes disto, e por iso hoxe conversamos sobre moitos aspectos nos que se observa que o xénero feminino aínda non acadou a igualdade

Hai unha película sobre a vida da irmá de Mozart.
 

E mentras falabamos, de fondo escoitabamos a música de Mozart, xa que puxemos o CD que tamén vén no libro: Mozart á galega, do que o próximo día falaremos un pouquiño máis...

Unha aperta,

Rosiña