Pois arrancamos este curso 2015-16 cun libro que non contabamos ler, mais a noticia da morte de XOSÉ NEIRA VILAS deixounos un pouco tristeiras e tristeiros... Tanto foi así, que no cole fixemos unha pequena exposición cos seus libros e elaboramos un cartaz adicado a un dos escritores galegos máis importantes. Na Biblioteca temos moitos exemplares de O cabaliño de buxo, así que valoramos a posibilidade de ler esta obra curtiña para arrancar o club de lectura.
PARA COMEZAR, QUE SABEMOS DE XOSÉ NEIRA VILAS?
Naceu nunha familia campesiña en Vila de Cruces (Pontevedra) no ano 1928, e morreu na súa casiña de Gres en novembro de 2015.
Na súa aldea natal compaxinou a escola coas labores agrícolas, e adicaba todo o tempo que podía a ler canto caía nas súas mans.
Con 21 anos emigrou a Bos Aires (Arxentina), onde tivo moito contacto coas persoas que acudían aos centros de emigrantes galegos. Alí casou con Anisia Miranda, filla de galegos, e trasladouse a Cuba, onde desenvolveu a súa actividade literaria. Despois de 31 anos na illa do Caribe, regresaron a Galicia en 1992. Ao longo da súa vida, fóronlle concedidos moitísimos premios e medallas.
A SÚA OBRA
"Eu son Balbino. Un rapaz de aldea. Coma quen di, un ninguén. E ademais, pobre". Este é o inicio de Memorias dun neno labrego, recoñecida por todas nós. Esta obra está considerada a primeira novela da literatura infantil e xuvenil en galego, sendo traducida a 15 idiomas e superando os 600.000 exemplares vendidos.
Galicia está presente en toda a obra de Neira Vilas. E tamén O cabaliño de buxo é un claro exemplo disto, xa que a través desta noveliña coñecemos a un cativo que agora tería preto de 50 anos e vive nun entorno rural coma o noso. Claro que as cousas cambiaron tanto!!!
É tamén unha maneira de achegarnos á nosa cultura, coñecendo aspectos nos que ao mellor nós non nos detemos, valorándoos, respectándoos... E falando sobre eles, comentando os cambios que se produciron na sociedade rural galega no transcurso dos últimos 40-50 anos. E tamén no idioma!!!
Pois, "Xurelos Lectores", imos alá!!!
No hay comentarios:
Publicar un comentario