miércoles, 23 de marzo de 2022

SEGUNDA REUNIÓN DESDE UNHA ESTRELA DISTANTE

OLA!!!

Xa rematamos a primeira novela deste curso, e a verdade é que esta mañá, na reunión, comprobamos que fora unha selección moi axeitada. Gustounos moito, recomendámola sen ningunha dúbida, e ademais aprendemos un montón de cousas a través da súa lectura.

Na reunión de hoxe centrámonos en Cuba, o país ao que emigrara o avó da protagonista. Falamos dunha árbore propia de Centroamérica e América do Sur: o mamey. Descubrimos que pode chegar a medir 20 metros, que o seu froito é comestible, e tamén se emprega para preparar doces ou refrescos. A súa madeira é moi dura, e emprégase para postes, construción, carpintaría... Desta madeira estaba feito o baúl que atopa Daniela no desván da casa da súa avoa. A folla desta árbore é moi parecida á do magnolio, e tamén a súa flor, aínda que é moito máis pequena. 

A folla e a flor do mamey recordan ás do magnolio.

 
O froito do mamey é moi diferente por fóra e por dentro.

Tamén falamos dos símbolos dalgunhas cidades, países, etc. A tía da protagonista casara un home de Dinamarca, e na súa capital atópase a estatua da sereíña que todas coñeciamos, así como o conto de Hans Christian Andersen. Pero tamén descubrimos cousas moi interesantes que nons sabiamos: que a realizou Edvard Eriksen, que está feita de bronce, mide 1,25 metros e pesa 175 quilos!!! Inaugurouse en 1913 e no Parque Europa de Torrejón de Ardoz, en Madrid, hai unha réplica dela.

A estatua da sereíña inspirou a moitos artistas.
 

Para rematar falamos das algas que se mencionan na novela e propuxemos escribir no noso caderno do club en que nos gustaría transformarnos se tiveramos o poder, coma Edu, para facelo. Pero isto decidimos que o mantiñamos en segredo, así que non podemos compartilo...

Apertas,

Rosiña


miércoles, 9 de marzo de 2022

PRIMEIRA REUNIÓN DESDE UNHA ESTRELA DISTANTE

Bos días!!!

Hoxe tivemos a primeira reunión do club de lectura, na que falamos sobre unha boa parte da novela de Agustín Fernández Paz Desde unha estrela distante

Comentamos o que nos ía parecendo a historia, que nos ten moi enganchadas. 

Falamos de Daniela, a protagonista, e do lugar no que vive: Mondoñedo. Esta localidade da provincia de Lugo destaca moito pola súa catedral e por ser o lugar de nacemento dun dos escritores galegos máis valorados: Álvaro Cunqueiro.

 

A catedral de Mondoñedo e a estatua de Álvaro Cunqueiro.
 

Tamén falamos dos mapas das cidades, centrándonos nos de Lugo e Vigo, xa que son as mencionadas no libro que estamos lendo. 

O plano da cidade de Lugo recoñécese pola súa muralla.

Vigo, a cidade á que vai vivir Daniela, ten mar.

E, como o avó do protagonista emigrara a Cuba, tamén comentamos o tema da emigración, tan presente ao longo da historia.

A próxima cita será o 23 de marzo, cando comentaremos o resto da novela.

Desfrutade da lectura,

Rosiña 

miércoles, 16 de febrero de 2022

RETOMAMOS O CLUB DE LECTURA

OLA!!!

Estou moi contenta de anunciarvos que este curso retomamos a actividade do Club de lectura Os xurelos lectores!!! Desde que se creou o club, no ano 2011, foron moitos os cursos nos que estivo activo, aínda que de maneiras moi diferentes, dependendo dos grupos que nel participaban. Cando chegou a pandemia decidimos suspendelo e, o curso pasado retomámolo pero dentro das aulas, polo que tampouco lle demos moita visibilidade a través deste blog. Pero este curso anúnciovos que si: o club está preparado para comezar...

O primeiro libro deste curso.
E faino cunha obra dun escritor moi querido por todas nós, persoas moi lectoras ás que lles encanta frecuentar a biblioteca: AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ. A obra elixida é Desde unha estrela distante, xa que tamén está relacionada co proxecto que estamos levando a cabo este curso sobre o universo, xa que un dos seus protagonistas é Edu, un extraterrestre!


 

Hoxe fixemos o reparto dos libros para comezar a mergullarnos nesta nova lectura, que iremos contando en próximas entradas neste blog. Vémonos o próximo 9 de marzo!!!

Apertas, 

Rosiña

lunes, 30 de octubre de 2017

QUE É UN BAOBAB?

Chamounos moito a atención a aparición desta árbore dentro da historia de "O Principiño", así que quixemos saber máis:


O baobab, chamado tamén árbore botella ou pan de mono, medra, sobre todo, no continente africano, especialmente na illa de Madagascar.
A súa altura varía entre os 5 aos 30 metros. O seu froito é unha baga con forma de melón e abundantes sementes con forma de ril, que viven máis de 5 anos.
A forma de botella adóptana a partir dos 200 anos.
Os baobabs poden vivir ata 800 ou 1000 anos, aínda que se fala de exemplares que chegaron aos 4000!!!
Para os elefantes o seu froito é un manxar, pero tamén para os humanos ten moitas utilidades: sopa coas súas follas; bebidas refrescantes coa súa pulpa; aceite; usos medicinais; etc.
Según di unha lenda, os baobabs eran unhas árbores tan presumidas que un deus deulles a volta. Por iso se di que agora as ramas da árbore están enterradas e as raíces medran hacia arriba.

lunes, 23 de octubre de 2017

DESCUBRIMOS MOEDAS ANTIGAS

Na época na que foi escrita "O Principiño", en Francia non existía a moeda que agora adoitamos empregar en moitos países europeos: o euro. Tampouco no noso. En España utilizábase, ata o ano 2002, a peseta; en Francia, o franco. Partindo destes datos, quixemos coñecer cales eran as moedas de países que, por diversas razóns, nos interesaban. Así, comprobamos que en Portugal empregaban o escudo; en Italia a lira; en Grecia a dracma e en Alemania o marco

Situamos eses países dentro do continente europeo e tamén fixemos un repaso das súas capitais:




lunes, 9 de octubre de 2017

FRANCIA, O BERCE DO PRINCIPIÑO



“O principiño” foi escrita por Antoine de Saint-Exupéry mentres se hospedaba nun hotel de Nova York. Publicada en 1943, é a novela máis famosa deste aviador francés. É un conto filosófico, moi poético que, baixo a aparencia dun conto infantil, aborda temas tan profundos como a vida e o amor, a morte, a amizade, as actitudes e as preocupacións da vida.

Nas conversacións entre o narrador e o Principiño, o autor revela a súa propia visión sobre a estupidez da humanidade e a sinxela sabedoría que os adultos semellan esquecer cando medran.

A obra está igualmente ilustrada polo propio autor. Os seus debuxos, sinxelos e dun estilo se cadra algo infantil, son tan célebres como o libro mesmo.

“O principiño” foi traducido a 180 linguas e dialectos, incluíndo o galego, tradución da que se encargou Carlos Casares no ano 1972. Vendeu máis de 50 millóns de copias en todo o mundo e tornouse nunha serie de debuxos animados de 39 episodios, ademais dalgunhas longametraxes. Moitas veces é empregado como lectura para os que comezan a estudar unha lingua estranxeira.

lunes, 2 de octubre de 2017

COMEZAMOS CON: "O PRINCIPIÑO"!!!

Pois si. Esta foi a obra elixida para inaugurar o Club de Lectura este curso, "O Principiño". O día que anunciamos a súa elección, descubrimos tamén algúns datos relacionados co seu ecritor:


ANTOINE DE SAINT-EXUPÉRY naceu en Lión (Francia) o 29 de xuño de 1900 e finou no mar Mediterráneo o 31 de xullo de 1944. Foi un escritor, ilustrador e aviador francés, autor do Principiño. Nado no seo dunha familia nobre, estudou na Universidade de Friburgo (Alemania). Como aviador participou en grandes conflitos bélicos como a Guerra Civil española ou a Segunda Guerra Mundial.

Foi un dos pioneiros dos voos postais internacionais, un aviador nos días nos que a aviación posuía poucos instrumentos, e voar era unha tarefa extremadamente difícil e perigosa.

Os traballos literarios de Saint-Exupéry foron inspirados en moitas ocasións pola súa experiencia como piloto nos seus voos postais. Unha excepción é “Le Petit Prince” (“O Principiño”), o seu libro máis famoso. Neste relato, o propio autor coñece ao principiño, un neno que provén dun pequeno asteroide. En honor ao seu recoñecemento mundial, no ano 1975 outorgóuselle o nome de Saint-Exupéry a un asteroide.

En 1931, Saint-Exupéry casou con Consuelo Suncin Sandoval de Gómez (falecida en 1979), unha escritora e artista salvadoreña que foi modelo para a "rosa temperamental" no Principiño.